1 de Junio 2005

Serapias

serapias_cordigera O outro día pedín a Jmeijon que me mandase un post coas serapias que existen en Galicia para mostrar as diferencias entre elas, pero debe estar máis vago aínda que eu. A verdade é que está de mudanzas e con problemas na conexión ou no modem ou non sei ben con qué. En fin, o que mandou son estas tres preciosas fotos que mostran claramente as diferencias na forma e tamaño do labelo. Non me vou pór agora aquí a describir as formas de labelos , follas e demais das distintas serapias, porque espero que as fotos sexan o suficientemente elucidativas. En caso de dúbida preguntar ao autor das fotografías que seguro estará encantado en facer unha disertación gratuita, caso contrario eu mesmo darei máis datos.

A primeira é a Serapia cordigera, pódese atopar en calquera das 4 provincias galegas, máis raras nas zonas montañosas do interior, frecuente en prados e outros lugares húmidos, toxais ou matorrais. Floración entre Marzo e Xullo.

serapias_lingua
A segunda é serapia lingua, a máis frecuente en Galicia, en prados, pastizais, brañas e lugares encharcados. Floración de Marzo a Xullo.

serapias_parviflora
E a terceira corresponde á Serapia parviflora, tamén se pode atopar en calquera das provincias galegas, máis frecuente na costa en zonas de trasduna, no interior só se atopou en chaos calizos. Floración de Abril a Xuño.
Como xa dixen en outro post, ás serapias chaman-lles galos ou galiñas.

Segundo que autores na Península pode haber de 5 especies ( as tres anteriores máis S. perez-chiscanoi e S. vomeracea), até 7 que propoñen outros (as anteriores máis S. nurrica e S. strictiflora).
Para interesados consultar as distintas páxinas web que existen sobre orquídeas, algunhas delas aquí á dereita. Ou ver libros ou artigos , en concreto para as serapias galegas recomendo o traballo de Cortizo&Sahuquillo de 1999 publicado na Nova Acta científica Compostelana(Bioloxía) ou ver o traballo de Flora Ibérica publicado en tomos (se alguén está interesado podo enviar un PDF), ou os dous tomos do Atlas Clasificatorio de la Flora de España Peninsular y Balear de Mariano García Rollán, ou tantos e tantos libros ou traballos científicos que hai publicados e que descoñezo e que agradecería me informasen da sua existencia, ou millor aínda, me enviasen unha copia.

Este é un post a medias entre Jmeijon e eu.

Escrito por Xisbe a las 1 de Junio 2005 a las 01:41 AM
Comentarios
Escribir un comentario









¿Recordar informacion personal?