Isto é, en poucas lineas, o que deu de sí a segunda viaxe desta primavera na procura de exemplares de orquídeas ao nordés ourensán o 17.03.2007.
Saída desde a Terra Chá, Ana, Eva, Xisbe e quen postea (Xisbe chegou de Coimbra a tarde/noite anterior), a unha hora prudente para os que non gustan demasiado de madrugar, ás 9 da mañá (algo pasadas porque tiven que parar a mercar unha lámpada para un faro). Chegada arredor das 10:45 cun sol que luciría todo o día, e nada máis baixar do coche xa vemos o 1º exemplar de Limodorum abortivum, se ben é certo que non están as flores abertas aínda, logo algúnha Orchis mascula (moi pouca cousa).
Paisaxe
Cambiamos de lugar, non sen antes admira-la paisaxe, e na segunda parada aparecen Ophrys sphegodes, O.scolopax e até unha Orchis italica con algunha flor aberta.
Limodorum abortivum
Xantar ao pé dunha aciñeira centenaria e espectacular e deseguido prospectamos unha zona nova para nos, a non moitos quilómetros. Pequeno paseo a pé, e logo, mentres algún sestea apaciblemente e hai quen se aburre, outro rastrexa por corredoiras e aciñeirais (as birras están en xogo) até dar con máis ex. de L. abortivum, Aceras anthropophorum (pechadas) e O. mascula, amén dalgunha carracha para levar de recordo prendida na cabeza.
Ophrys scolopax
Ophrys sphegodes
Damos un novo salto, outra zona a explorar, e moitos indicios do que está por chegar en datas próximas, coa primavera máis avanzada: Orchis purpurea, O. provincialis, O. piramidalis, Ophrys sp, L. abortivum, etc...
Ademais de todo isto, bolboretas coma Papilio machaon, Iphiclides podalirius ou Zerynthia rumina, moitos Narcissus triandrus, unha violeta tan fermosa coma mínima: Viola kitaibeliana, unha Linaria amethystea igual de fermosa...
un arrecendo constante das plantas aromáticas...
Aristoloquia paucinervis
...e para rematar merenda-cea á tardiña nunha desas pequenas áreas recreativas coa avelaiona (Strix aluco) ululando ao lonxe.
Como para non querer repetir