27 de Agosto 2007
Orquídeas galego-portuguesas 6: Serapias lingua
1.-Serapias lingua, 12/05/2007, perto de Moreda- O Caurel
Das orquídeas máis comúns e unha das primeiras que vin, sin saber que eran orquídeas, cando chegaba o tempo da herba seca. Meu pai dáballes a estas e a outras o nome de galos e galiñas pero non sei si correspondía a
parviflora,
lingua ou
cordigera, inclínome polas duas primeiras porque na miña zona nunca vin cordigera. Presente nas catro provincias galegas desde o nivel do mar até máis de 1.000 metros, a plena luz, nos prados, campas, nas clareiras dalgún mato baixo e até nas brañas.
Distínguese das duas citadas anteriormente por unha especie de calo que ten na entrada do hipoquilo, a
cordigera e a
parviflora practicamente non teñen (moi pouca cousa).
En Portugal disque lle chaman
erva-lingua e pódese atopar no Algarve, Beira Alta, Beira litoral, Baixo Alentejo, Douro Litoral, Extremadura, Ribatejo e rexión trasmontana, en zonas húmidas: brañas, prados e areais marítimos.
Florece de Abril a Xullo.
Escrito por Xisbe a las
10:21 PM
|
Comentarios (2)
21 de Agosto 2007
Orquídeas galego-portuguesas 5: Orchis Italica
1.-Orchis italica, fotografada na cuneta dunha estrada de O Caurel o 12/05/2007
Outra orquídea de "raparigos" ou "aforcados". O labelo ten unha semellanza de forma con a
Aceras antrhopophorum pero a cor é diferente, de esbrancuxado a rosa intenso
Ligada tamén aos terreos calizos só se atopa en Galiza no Sudeste de Lugo e Noreste ourensán ( no tomo XXI de
Flora Ibérica do CSIC din que tamén crece en substratos silíceos). En Portugal está presente no Alto Alentejo, Algarve, Beira Alta, Beira Litoral, Extremadura e Ribatejo. Onde medra é abundante, sobre todo prados e clareiras de mato baixo, entre 300 a algo máis de 1000 metros, desde fins de Marzo até Xuño.
Escrito por Xisbe a las
1:27 AM
|
Comentarios (0)
17 de Agosto 2007
Orquídeas galego-portuguesas 4: Aceras anthropophorum
1.-Aceras anthropophorum, 5/05/2007, no municipio de Rubiá
É unha das primeiras orquídeas que atopei en Portugal, cando aínda buscaba sen saber si existían, ¡ignorante de min!. Abundante, nos sitios onde medra, gosta dos substratos con caliza. Pódese encontrar entre on nivel do mar e a máis de 1000 metros, en Galicia debido á localización das zonas calizas é raro vela abaixo de 400 m., en campas, cunetas, mato baixo ou nas lindes de piñeirais, gosta da luz. En português coñécese por rapazinhos ou erva do homen enforcado debido á forma do labelo que semella ter brazos e pernas, descoñezo si popularmente é nomeada dalgún xeito en Galiza.
Na nosa terra pódese buscar, entre abril e xullo, en Valdeorras, Caurel, Pedrafita, Ancares e en Portugal nos distritos do Algarve,Beira Baixa, Beira Litoral, Extremadura e o Ribatejo.
Non é difícil ver híbridos con
Orchis italica.
Escrito por Xisbe a las
5:12 PM
|
Comentarios (0)
15 de Agosto 2007
Orquídeas galego-portuguesas 3: Dactylorhiza maculata
1.-Dactylorhiza maculata, 14/07/2007 no concello de Pedrafita
É unha das orquídeas máis comúns que se poden atopar en Galicia.Está presente nas catro provincias e aparece en todo tipo de sustratos, atopeina en altitude e ao nivel do mar. É moi varible na cor da flor, desde o fucsia intenso até o blanco, casi sempre ten unhas pintas no labelo máis oscuras así como nas follas basais, pero nin sempre. Fálase de moitas subespecies,
caramulensis,
ericetorum,
elodes,
maculata, as duas primeiras estarían presentes en Portugal e as catro foron citadas en Galicia. Normalmente é tan variable que se poden atopar exemplares de caracteristicas misturadas no mesmo local. Aínda por encima, á primeira ollada, pódese confundir con
D. Elata.
Florece entre maio e xuño, normalmente a plena luz e en locais húmidos.
Escrito por Xisbe a las
2:04 AM
|
Comentarios (0)
13 de Agosto 2007
Orquídeas galego-portuguesas: 2.- Gymnadenia conopsea
1.-Gymnadenia conopsea, 14/07/2007 perto dunha canteira de caliza en Pedrafita
Conops, leo no libro
Guía das Orquídeas de Galicia de
Carlos Cortizo e
Elvira Sahuquillo, significa mosca ou mosquito, supoño que en grego antigo e se lle deu este nome polo parecido, que eu non lle vexo por ningún lado. Estes autores din que o mome galego é lumbrín.
En Galicia é fácil de atopar en Pedrafita e no Caurel e disque tamén medra no Xurés e na Capelada.
En Portugal só na Serra do Gerês (Xurés) no lugar de Borrageiro, suponse que está en vías de extinción(iso di
João de Amaral Franco e
Maria da Luz da Rocha Afonso no libro
Nova Flora de Portugal, Volume III, fascículo III)
Floración: tardía entre xuño e xullo.
Podese atopar entre 300-1200 metros de altitude, a plena luz, en prados e camposas, máis frequente sobre calizas.
Escrito por Xisbe a las
1:46 AM
|
Comentarios (0)
10 de Agosto 2007
Orquídeas galego-portuguesas: 1.- Ophrys apifera
1.-Ophrys apifera, 14/07/2007 nunha zona de trasduna de Corrubedo
Comenzamos a colección de orquídeas galegas com unha
Ophrys apifera, presente nas catro provincias galegas nas zonas costeiras e nas zonas calizas de Ourense e Lugo.
En Portugal pódese encontrar no Alto Alentejo, Algarve, Beira Litoral, Extremadura e Trasmonte (eu, de momento, só a atopei na Beira Litoral e Extremadura).
O nome galego é abelleira común e en português é abelheira, erva-abelha, abelha-flor e outros. A ninguén a ouvín citar por eses nomes, nin en Galicia nin en Portugal.
Florece entre maio e xuño.
Medra a unha altitude entre o nivel do mar e os 800 metros en zonas de trasduna e campas ou prados de zonas calizas, a plena luz ou con poucas sombras.
Escrito por Xisbe a las
6:32 PM
|
Comentarios (0)