24 de Mayo 2006
Picanzo vermello
(Lanius collurio) Pequeno habitante das campiñas que chega a Galicia arredor de mediados do mes de Maio para criar e nos acompaña ata finais do verán. Non é difícil de observar xa que gosta de pousar (ás veces durante bastante tempo) sobre silveiras, cables do tendido eléctrico ou pequenos arbustos á espera do seu alimento, que consiste principalmente en insectos (coleópteros, lepidópteros, etc), pero que non fai ascos a outras presas tales coma pequenos paxaros, micromamíferos, réptiles, etc...
Igual que outras aves do mesmo xénero (L. meridionalis, L. excubitor...) é coñecido por axudarse de plantas espiñosas onde engarza as presas máis duras para, co bico, sacar "bocados". Isto débese a que a pesares da forza do seu bico, á das garras non é suficiente, nestes lugares manteñen unha especie de despensas.
Sobra dicir que coas súas cores avermelladas e grises azuladas é un bicho realmente fermoso.
Escrito por xiom a las
5:57 PM
|
Comentarios (1)
18 de Mayo 2006
Epipactis helleborine. Portugal 17/05/2006
Finalmente onte poiden dar unha voltiña para facer fotos. Iba con idea de ver unhas plantas que me chamaran a atención cando viña de traballar de Castelo Branco o martes á tarde. Perto da estrada vin o que me pareceu ter unha forma de orquídea e que despois cain na conta de que moi probablemente fose un gladiolo, non cheguei a ir ata o punto exacto onde as vira por ser un tanto lonxe e estar convencido de estar enganado. O que si fixen foi parar á volta para ver as
Epipactis porque xa facía días que non pasaba por alí. Atopei uns 25 pés a maior parte completamente desenvolvidas. Tiña un pouco de receio de que non houbese moitas porque este ano araron para semellar chícharos e
tremoços.
Algún botánicos distinguen duas subespecies e outros duas especies:
Epipactis helleborine subs.
helleborine (
Epipactis helleborine) e
Epipactis helleborine subs.
tremolsii (Epipactis tremolsii).
A
helleborine aparece en sitios con sombra e con sustrato diverso e a
tremolsii dase en lugares soleados en aciñeirais, pastizais e matorrais de tipo mediterránico.
Escrito por Xisbe a las
9:17 PM
|
Comentarios (0)
16 de Mayo 2006
Epipactis palustris
Epipactis palustris.
Foto de Xermán.
Recibín unha maravillosa noticia de Xermán, autor do blog Natureza dixital. Nun correo que me mandou venme a decir que hai orquídeas en Corrubedo, (Spiranthes aestivalis, Dactylorhiza elata, Ophris apifera, Serapias cordigera, lingua e parviflora), e entre elas Epipactis palustris, unha das máis fermosas orquídeas galegas, da que me manda unha foto. Tentaremos fotografala este ano. Gracias Xermán.
Escrito por Xisbe a las
12:12 AM
|
Comentarios (0)
15 de Mayo 2006
Natureza dixital
A través dun comentario de Xermán no post anterior sobre Ophrys apifera coñecí a que supoño é a sua páxina (polo menos é ele quen escrebe no
blog) e nela souben de coisas moi interesantes sobre os espazos naturais da nosa terra, libros sobre flora e moitas outras cousas. Entre elas un foro que podería ser un arma moi interesante para todos aqueles que pensamos que se poden e deben facer cousas para defender e millorar o noso entorno natutal, estou a falar do seu
foro, no que penso que estaría ben rexistrarse e colaborar.
Escrito por Xisbe a las
12:17 PM
|
Comentarios (2)
14 de Mayo 2006
Ophrys apifera
Ophrys apifera, Coimbra 2006
Cando me fun em Abril estaban a punto de sair e agora é a explosión. Onte atopei unha nun sitio novo ao que fun, e despois achegueime a Coimbra a fotografar as do hospital, que están expléndidas en cantidade e fermosura, algunhas tan grandes coma esta de 40 cm. chea de flores. Foi a primeira vez que vin unha abella a pousarse nelas pero non deu tempo a rexistralo. Este ano non houbo sega aínda no hospital e por iso hai tantas pero poiden constatar que hai quen as arrinca porque encontrei algunha cortda, sobre todo nunha zona de paso concorrida onde o ano pasado había varios exemplares grandes. Non deben de saber que son especies protexidas aínda que tamén acredito que a algúns tanto lles ten: "...si lo quiero lo tengo y los demás que se jodan..." oínlle unha vez a alguén nunha situación polo estilo.
Para min é probablemente a raiña das
Ophrys.
En Galicia tamén hai, Xiom atopou algunha o ano pasado na Costa de Lugo e segundo os libros hainas en algún outro sitio, polo menos en A Coruña pódese atopar no Norte e perto dalgunha praia; e en Ourense e Pontevedra tamén aparece nalgún lugar que outro aínda que non hai moitas citas.
Como dizen os portugueses: "São um espectáculo".
Escrito por Xisbe a las
9:00 PM
|
Comentarios (1)
11 de Mayo 2006
Crónica dunha visita "orquideolóxica" á Serra da Enciña da Lastra
Foi o 1º de Maio, unha case inmellorable data para os nosos propósitos que non eran outros que localizar novas (para nós) especies de orquideas e tirar unha chea de fotografías. O primeiro plenamente conseguido, de 9 especies atopadas para Eva i eu a novedade é a Orchis morio, para Xisbe, se non me corrixe, ademáis de O. morio, O. provincialis, O. purpurea (unha preciosidade de planta) e Ophrys sphegodes.
O segundo dos "obxectivos" , o fotográfico, tamén, pero este con anécdota.
Recollemos a Xisbe sobre as 9:30 h na casa. Aparece preparado coa súa morrala en bandoleira e o chaleco Mc Guiver posto (del sacaría máis adiante un pouco de todo: unha mini lanterna de luz branca (para reforzo en fotos que o precisen), outra máis mínima aínda cunha extensión articulada, navalla "suiza", un plástico para cando hai que bota-lo corpo á terra e ésta está mollada, unha caixiña hermética con panos de papel, algunha cousa máis que agora non lembro e dous estuche de plástico con 4 pilas cada un, recambio para a cámara.
Sobre as pilas foi a primeira conversa logo dos saúdos:
-Traes pilas suficientes?
(as dixitais consumen o seu)
-8 de reposto!
-eu teño 4 máis, cargadas, por se quedaras sen elas.
(e que o coñezo un pouco). O tema queda zanxado.
Autovía. Máis de 150 km. Arredor de 1 ½ h de camiño. Chegada a Cobas. Facemo-la primeira parada nun lugar onde sabemos de certo que imos atopar algunhas especies sen a penas ter que camiñar.
Case de inmediato se escoita:
-A cámara! Quedou enriba da mesa...
En fin, aforráronse unha man de pilas. Para outra ocasión.
De tódolos xeitos non houbo maior problema, cunha soa cámara e dúas tarxetas, un fermoso día de primavera, o xantar de campo e a mellor das compañías posibles, incluída Lia, fixeron deste un deses días difíciles de esquezer.
Escrito por Xisbe a las
1:00 AM
|
Comentarios (4)
9 de Mayo 2006
Novo proxecto 2
Como decía nun "post" anterior o proxecto consiste en facer unha publicación divulgativa sobre as especies de orquídeas que nacen en Galicia.
En principio a nosa guía é o traballo de C. Cortizo&E. Sahuquillo, La familia Orquidaceae en Galicia, publicado en 1999 na Nova Acta Compostelana(Bioloxía).9:125-158. Nela recopilan e revisan os datos existentes sobre as orquídeas en Galicia, ademáis de aportar citas novas, segundo as suas palabras. Son en total 36 especies.
Nos trataremos de constatar as suas informacións e aportar algunhas novas (localizacións), e aportar toda a documentación gráfica e literaria que nos sexa posible.
Xiom, un dos membros de Clop, leva fotografado 23/24 especies en Galicia, pero voltaremos a fotografar todas as plantas para mostrar todas as suas características (planta enteira, inflorescencia, labelo, follas, entorno e calquer outro detalle que sexa preciso para a sua correcta identificación). Asimesmo aportaremos aquella bibliografía interesante que coñecemos, relacionaremos as orquídeas coas plantas asociadas, daremos coordenadas UTM o máis precisas posibles, dataremos as fotos, falaremos do sustrato, medidas da planta e localidade onde se atopa.
En canto ao traballo de campo seguiremos co principio que nos guiou desde sempre: Non alterar na medida do posible a natureza.
En canto ao traballo fotográfico: Reflexo do que hai sen maquillar, axudándonos si é preciso para unha millor identificación de fondos ou iluminacións artificiais.
Escrito por Xisbe a las
1:09 AM
|
Comentarios (6)
8 de Mayo 2006
Imaxen no canto
Aínda que sería discutible cal é, (como tamén me parece discutible o propio dí das letras galegas), a flor galega por excelencia, paréceme ben a campaña da Ciberirmandade da fala e por iso entre o 8 de Maio e o 21 de Maio vai aparecer no canto superior esquerdo esa imaxen que vedes.
Escrito por Xisbe a las
7:52 PM
|
Comentarios (0)
Novo proxecto 1
Orchis morio
Veño de visita-la terra, de rever familia e amigos, de sair ao monte para facer fotos un día si e outro tamén, unha enchenta. Veremos si pouco a pouco podemos poñer cousas.
O Clop vai continuar con forza, con novos membros, Eva, que espero nos deleite de aquí a pouco con un post.
Temos entre mans un novo proxecto, máis ben habería que decir que lle damos
Detalle de Orchis morio
forma ao noso proxecto das orquídeas, a nosa teima de dar a coñecer as 36 especies de orquídeas galegas, temos intención de facer unha publicación divulgativa, somera e a ser posible amena, que ninguén espere un tocho científico, vamos ver se somos capaces, si o tempo e a saude nos axudan e si non perdémo-la vontade de facer. Agora sí, que ninguén espere resultados inmediatos porque vai de vagar e para lonxe.
Desexádenos sorte.
Escrito por Xisbe a las
7:30 PM
|
Comentarios (0)